viernes, 25 de mayo de 2012

Way


START
Vida que xorde,
que aparece,
que se crea.
Vida fráxil,
vida tenra,
vida intensa.
Cando por fin cheguei,
non sabía o que ía atopar;
quizais algo polo que rir
ou algo polo que chorar.
Un mundo incerto
apareceu ante min,
descoñecido,inexplorado,
que nunca antes vira.
Unha historia por escribir,
o meu destino por forxar,
a miña lenda por crear.
Din que o importante
é o traxecto andado,
mais eu penso:
a meta tamén é necesario tela clara,
o camiño ten que ser vivido,
e o comezo é bo que sexa axeitado.
Diríxome cara a saída,
a miña carreira está a piques de comezar,
e o maior rival,
que atopo ó meu carón,
son eu mesmo.
A miña sombra
perseguirame sempre,
lembrándome os meus fallos,
mostrándome os meus defectos;
farame querer ser mellor.
Será coma un eu
ao que desexar superar.
Así, non estarei só
cando emprenda o meu camiño,
e me volva peregrino
da miña vida.




DREAM
En cada momento
atopei un apoio,
pero agora xa non basta;
non debo camiñar
só a carón doutros.
Teño que aprender
a moverme cos meus pés.
É momento de madurar
e xa atopei o incentivo,
atopei o meu soño:
un polo que loitar;
un polo que chorar;
un que vale o mesmo que a miña vida;
un polo que estaría disposto a morrer;
un ideal que devezo por alcanzar.
Chámano “algo abstracto” algúns,
mais só eu teño o poder
de darlle forma,
de transformalo en algo visible
para o resto do mundo.
Ese soño intanxible
convertereino en realidade.
E os que me chamaron tolo
tamén serán quen de contemplalo.
Pois só son un ser humano,
que busca a razón da súa existencia,
que a atopou en algo invisible para o resto,
e que fará o posible
por mostrar a grandeza
do que el coñece
e os outros ignoran.
Tentará mostrar
esa luz que o sacou das tebras,
esa serea que lle mostrou a fermosura do mar,
esa lúa no medio da noite.
Así, a ficción volverase realidade
e ninguén poderá separar de novo,
por medio dunha franxa,
o real do mito,
a verdade da lenda,
ou o que existe do que non.



END
Finalmente chegaches.
Nestes últimos tempos
preguntábame como te recibiría.
Que faría cando estiveses diante de min?
Tería medo ou estaría tranquilo?
O meu maior desexo
foi que o noso encontro fose feliz,
pois significaría:
que non deixo nada pendente,
que vivín sen arrepentimentos,
que din o cen por cento en cada momento.
Quen dicía que dabas medo?
A min parécesme a máis fermosa compaña.
Debiches sentirte sempre soa e triste
porque ninguén te quixera
e te recibise cun sorriso.
Non é resignación,
só sinto que é o momento,…
Eu non son dos que andan a pór sempre mala cara.
Miña amiga,
xa é a hora?
Pois imos aló.
Quen sabe o que me espera.
Serás a miña compañeira todo o camiño?
Cara onde imos?
Ao lugar do que parten as estrelas fugaces?
Estarei só?
Non?
Grazas!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario