viernes, 25 de mayo de 2012

A pesar dos cambios


Relato por el que recibí el tercer premio del concurso Ciencia que conta.
 
Fai quince anos daquilo, e tardei en ter claro se fora bo ou malo, e sego sen saber se é ético ou non.
Hoxe en día, a existencia de órganos artificiais facilita a vida da humanidade. Aínda que… non se logrou desenvolver un corpo completo, como moito algún aparato coma o dixestivo. As epidemias, que hai décadas farían desaparecer do mapa a miles de persoas, hoxe non son un problema, mais si que sufrimos certas enfermidades.
Nas cidades, en todo o mundo, a pesar diso, a luz e a vida que se ve é gris. Non en sentido literal, mais si, no ánimo das xentes. É coma se a vida, ao prolongarse por estes órganos que non se esgotan, perdese parte do seu valor e do seu carácter efémero.
Dicía que, a pesar da tecnoloxía, non se lograra desenvolver un corpo completo e funcional, polo que en caso de certas enfermidades ou problemas físicos determinados e complexos se recorre ao que comunmente é coñecido coma: “Transplante de cerebro”.
O proceso é complicado, mais a explicación é relativamente sinxela: consiste en traspasar o cerebro dunha persoa enferma a un corpo dun individuo con morte cerebral; así prolóngase a vida desa mente nese corpo san.
E… eu fun o primeiro deses transplantados, hai quince anos, cando era un adolescente de dezasete.
20 de abril de 2XXX
“Estou preparado para entrar no quirófano… Cando saia o meu corpo non será o mesmo, pero a cambio estarei completamente san. Se é que saio, claro.
As portas péchanse, e unha luz moi intensa impídeme ver á xente que hai ao meu redor. Finalmente sinto o efecto da anestesia cando as miñas pálpebras se pechan paseniñamente.
<<O doutor dicía que as posibilidades da miña supervivencia non eran moito máis altas ca as da miña morte, mais que… nos últimos anos avanzárase moito neste campo, e xustamente existía un corpo coas características óptimas para realizar o transplante. Se a intervención saía ben sería bo para min e para a ciencia; se saía mal sería malo para min e un caso máis no arquivo dos científicos.>>
Abro os ollos lentamente, aínda estou algo durmido. Miro ao meu redor e vexo claramente a cara da miña nai.
-         Raúl? Son mamá – parece contenta, a operación debeu saír ben.
Podo ver as bágoas nos seus ollos, podo velas a pesar de que non levo lentes; ao parecer xa non son miope.
-         Ola fillo – é meu pai quen fala. Noto a estrañeza nos seus ollos.
Cando me mostran a miña nova cara, son eu o que queda estrañado, son dous anos maior, e as miñas faccións non se parecen en nada ás de antes. Xa non teño o nariz de papá e os ollos de mamá. Síntome estraño. A pesar da saúde do meu corpo non son eu mesmo. Dixéranme que de saír ben a operación esta era unha posibilidade, pero que me afaría.”
Unha parte do proxecto consistía na reinserción social. Meus pais e mais eu tiñamos que marchar a outra cidade, mais eu negueime. Tiña amigos, familia, por que tiñamos que abandonalo todo?
Pero as cousas non foron como eu pensara. Moita xente que me coñecía mirábame coma se fose un bicho raro e comezaron a evitarme, salvo un ou dous amigos. Falando con eles dixéronme que quizais o mellor para min fose cambiar de cidade, comezar de cero,… porque segundo dixeron a xente aínda ten moitos prexuízos, o que crea unha sociedade moi pechada.
Isto foi moi doloroso para min, pero foi a única solución, xa que os veciños comezaran a facer preguntas, e as mentiras sucedíanse. Non falaran de min nos medios de comunicación, mais no ámbito científico todos sabían da miña existencia. Finalmente marchamos a outra cidade, moi lonxe da miña e da do meu novo corpo, xa que no caso de que alguén me recoñecese, que acontecería? A operación non fora ilegal, mais a xente non a vería coma algo normal, polo que o proceso era levado a cabo en rigoroso segredo. Segredo que eu abandonara ao volver á miña casa. Agora tocábame emendar o meu erro.
Na nova cidade adapteime ao meu novo corpo, mais comecei a facerme preguntas: Fora bo o resultado da operación? A nivel de saúde si, mais… Podía seguir eu a considerarme fillo dos meus pais? Xeneticamente xa non o era, aínda que no fondo fose eu, o Raúl de sempre. Merecía a pena con todo o que perdera e que lles fixera perder aos meus pais gañar esta saúde? Non o sabía. Se a sociedade chegara a saber disto, aceptaríame? A resposta non a tiven ata moito tempo despois, dependendo das distintas persoas.
Pero, un feito cambiou a miña concepción de todo aquilo e fíxome ver o que aos meus ollos estivera oculto: eu estaba vivo, a morte que no anterior corpo chegaría pronto, neste tardaría. A miña vida estaba nas miñas mans… Unha vez escoitara a frase: “Mentres hai vida hai esperanza”. Quizais eu estaba mentalizado de que non ía saír dese quirófano, o que fixo que, ao sobrevivir á intervención non o soubera valorar, e unido aos acontecementos posteriores fixera que me desanimase. Pero eu estaba vivo, que había máis grande ca iso.
Pasaron os anos, eu agradecinlles con múltiples cartas aos pais de Óscar, antigo propietario do meu corpo, a súa xenerosidade. E eles pedíronme que lles mandase unha foto cada ano en lembranza do seu fillo. Algunhas persoas o consideraron vivir no pasado, pero grazas a eles eu seguía respirando neste mundo.
Hoxe en día traballo no programa de reinserción de xente que se somete á esta intervención; axúdoos, aconsélloos, e fago que non se desanimen. Estou feliz por este traballo, e non pasa un só día no que non de grazas por estar vivo, e me reprendo a min mesmo por desanimarme por cousas que se poden solucionar… A pesar dos cambios, estou vivindo…
Dende aquel día a frase: “Onde esteas, aquí e agora: vive! ” converteuse no meu lema de vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario