miércoles, 2 de febrero de 2011

Lembranza do pasado

"Está es la primera historia que cuelgo. Esta en gallego porque era para presentar a un concurso. De momento aquí la dejo."


O traballo que me levara tantos anos por fin chegara a bo porto, e mentres volvía cara a casa non era quen de agochar o meu entusiasmo, aínda que coma noutras ocasión similares había uns rescoldos de pena que nubraban esa alegría.
Cheguei á casa, introducín o contrasinal numérico na porta, pasei polo escáner de retina e polo de pegadas dixitais, e entrei. Aínda non me afixera á miña nova morada, e iso que xa me mudara había uns meses, para estar máis preto do laboratorio no que a investigación avanzaba favorablemente. Botaba de menos a miña casa de sempre, sen eses sistemas de seguridade, nin tanta modernidade que invadira toda a sociedade nas últimas décadas. Coma sempre ando dicindo: “O seguinte serán os coches voadores”; aínda que é máis en broma que outra cousa.
Ducheime e metinme na cama, os ollos pecháronseme nun segundos e o meu subconsciente transportoume lonxe, a unha época na que eu non tiña nada claro, e moito menos que quería facer coa miña vida.
Marzo de 2010.
O día está gris, coma toda mañá de inverno, aínda falta para que comece a primavera, e a chuvia e o vento perseguen a calquera que se atreva a saír á rúa. Dende a fiestra do laboratorio do instituto observo o ceo, as nubes, todo. No patio está o club de atletismo, que ganas de adestrar co frío que vai!
Son as catro da tarde, hora das reunións de diferentes clubs , mais hoxe estou só. No club de bioloxía non somos moitos membros, e algúns son membros fantasma para que non nos pechen o club; case sempre falta alguén, senón o fan todos coma hoxe, e ademais o profesor encargado de axudarnos non aparece habitualmente por aquí. Aproveito para adiantar os deberes. O certo é que non teño moi claro porque me unín a este club, quizais porque pretendía saber se o meu futuro se atopaba neste campo, mais a día de hoxe, aínda non o sei.
De súpeto a porta ábrese e aparece unha rapaza de pel branca, cabelos escuros e ollos cor caramelo. É Carolina. Fomos compañeiros en primaria e nalgúns cursos na secundaria, e o certo é que chegamos a ser bos amigos, aínda que co tempo a nosa relación distanciárase un pouco.
- Roberto, estás ti só?
- Si, abandonado da man de Deus, dos homes e de todo – rin deprimido.
- Que pasou?
- Ti sabes que queres facer ao rematar o instituto? – pregunteille.
- Ah…A miña idea é estudar algo relacionado coa saúde, para axudar á xente. E ti? Irás á universidade?
- Supoño, é o que quere a miña familia, pero eu non teño claro o que quero facer.
- Nada de nada?
- Ao principio pensaba estudar algo de ciencias: química, bioloxía,… non sei, non pensei nada para facer un traballo concreto.
- Non creo que sexa algo que teñas que decidir xa, pénsao con calma e se te equivocas volve atrás.
- Xa, e os cartos gastados na universidade que?
- Iso é importante tamén, pero non debes romper a cabeza pensando niso.
- Espero atopar algo que me motive, porque o problema é ese, non teño algo do que poida dicir: “esta é a miña paixón, vou tirar por aquí”.
- Tempo ao tempo.
Os seguintes días no club estivemos só ela e mais eu. Falamos de moitas cousas, conteille as miñas dúbidas e ela escoitoume e aconselloume nas cousas que estiveron na súa man, a pesar de que moitas dos temas dos que lle falaba eran un tanto abstractos. Era como volver uns anos atrás, cando volviamos xunto a casa, saiamos por aí os festivos cos colegas, os recordos filtrábanse procedentes da miña memoria, todo era coma antes, ou iso parecía.
Un día fixemos o que se supón que debiamos facer como integrantes do club de bioloxía: experimentar.
Preparamos o material de laboratorio e dispuxémonos a observar ao microscopio certas preparacións que iamos facer. De súpeto, Carolina cortouse na man co bisturí.
- Estás ben? Déixame ver! – dixen suxeitándolle a man.
Ela empurroume e separouse de min.
- Non me toques!
“Eh! Que non a tocara?”
Achegouse á billa que había no lateral da mesa de traballo e deixou que a auga esvarara sobre a ferida.
Con voz trémula díxome:
- O sinto… Teño… teño SIDA. Non podes tocar a miña sangue. Lamento terte empurrado.
Ao escoitala e ver que me estaba a contar algo tan importante e tan seu, sentinme mal por crer que ela sentía algo de repulsión cara min.
Saín do laboratorio e volvín cunhas luvas de látex que atopei no almacén de material.
Cando cheguei, ela estaba chorando.
- Non sabía que o experimento de hoxe implicaba cortar cebola – dixen tentando que sorrira.
Ela levantou a mirada sorprendida.
- Non marchaches…
- Oe, non sei quen pensas que son – dixen con finxido enfado.
Ela riu.
- Síntoo, é que non lle contara isto a ninguén, o saben poucas persoas.
- Non pasa nada, é normal que teñas medo. Pero o feito de que o digas para evitar que outro enferme mostra o que te preocupas polos demais.
A conversación daquela tarde quedou gravada no meu cerebro. Co tempo volvemos ser amigos inseparables, mais ao entrar na universidade comezamos a vernos cada vez menos. Aínda que ela sempre sería unha persoa moi importante na miña vida, por moitos anos que pasaran.
Esperto de súpeto. Había tempo que non soñaba con Carolina.
“Esta é a túa forma de felicitarme?” Pode que si. Diríxome cara a fiestra do cuarto e observo o ceo, podo ver as estrelas, aínda falta para o abrente. “Non tes que felicitarme, en todo caso son eu o que debo agradecerche, pois grazas a ti atopei o meu camiño na vida. E a pesar de que logrei o meu obxectivo fai unhas horas , de veras sinto non o ter atopado a tempo para ti”.
Unhas semanas despois a cura contra o SIDA saía dos laboratorios disposta a espallarse polo mundo, onde moita xente esperaba que un milagre feito polos propios homes salvara ao resto dos mortais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario